Pablo Veiga Escritor
Escritor é o que escribe, ainda que escribir, o que se di escribir, escribe calquera. E dentro deses calquera estou eu. Polo menos, intentámolo.
17/05/2026
Feliz Día das Letras Galegas 🧡🧡
Ler, escribir, publicar
Pensar e sobre todo,Falar en Galego
14/05/2026
Outra Xeira
Violencia a carón nosa
Nesta columna, en todos estes anos nos que levamos colaborando co xornal, en múltiples ocasións gabamos a moita xente que polo seu bo facer así o merecía. Homes e mulleres, do presente e do pasado, que dan que falar -ou que deron- para ben. Personaxes ilustres que deixaron pegada, recoñecidos pola súa labor artística, empresarial ou pola súa categoría humana. Escritores, cregos, emprendedores ou gandeiros dos cales sentimos orgullo e satisfacción, xa que forman ou formaron parte da veciñanza dos distintos municipios chairegos. E tamén nos fixemos eco de iniciativas dalgúns outros, non tan coñecidos, case anónimos, pero que son merecedores de consideración. Abofé que a listaxe é xeitosa, e nela caberían máis e caberán no futuro, polo que asemade trataremos de realizarlles a cumprida reseña cando así se considere.
Mais como acontece en toda aquela comunidade que se preste, tamén na Chaira existe o mal e as persoas que son malignas, ou cando menos, non merecentes de excesivos eloxios. E se damos un paso máis, aquí tamén temos abondo que rascar, sendo o noso territorio o escenario de feitos execrables que nos avergonzan como seres humanos. Se nos remontamos tres décadas para atrás, a conmoción e desacougo que aínda nos sacude a alma ten un nome, Maruchi Rivas, unha meniña salvaxemente asasinada por un ser perverso, un criminal e desaprensivo que na actualidade seica se atopa en liberdade. Xa no presente século, o exemplo de brutalidade e salvaxismo deuse na parroquia de Burgás, en Xermade, onde conmocionou o asalto a unha casa onde atacaron a machetazos a un matrimonio de persoas maiores e ó seu fillo, matando os dous homes. Os culpables do detestable crime, vilalbeses ámbolos dous.
Como último exemplo, o máis recente, polas terras de Abadín, onde a estrana desaparición de Enrique Bolívar, un señor que superaba os oitenta anos, do cal non se soubo nada en trinta meses, ata que finalmente os seus restos foron localizados e identificados. O responsable da súa morte, accidental ou non, xa detido e engaiolado á espera de xuizo. Neste caso, as sospeitas, as evidencias e indicios que apuntaban na mesma dirección non foron suficientes para resolver o asunto con maior celeridade. Polo menos, dar con don Enrique e poñer ante a xustiza o culpable confeso da súa desaparición e morte supón todo un alivio para os achegados.
Os tres exemplos sinalados suscitaron nas distintas épocas en que tiveron lugar abraio e consternación entre a comunidade, que se veu sacudida co nivel de brutalidade e a falta total de escrúpulos de quen participou en semellantes episodios. Mais cómpre indicar que a pesar da gravidade dos feitos, estes son unha excepcionalidade entre nosoutros. Pero aínda así, deben ser contados, fuxindo a ser posible da morbosidade e do sensacionalismo.
En definitiva, que lamentablemente o peor da condición do ser humano e as consecuencias delo tamén poden morar entre nosoutros, nos lugares onde semella que nunca pasa nada fóra do normal. Porque a violencia, a veces, habita a carón nosa.
08/11/2025
Magnífica presentación en Monforte, na Casa da Cultura Lois Pereiro.
Pablo Veiga e Fernanda Arrojo Novoa
💪💪💪🧡🧡🧡
Haga clic aquí para reclamar su Entrada Patrocinada.
03/03/2026